A plataforma Grupos de Vigo en Loita organiza un concerto o venres 23 de decembro para protestar contra o que consideran “acoso a concertos por parte da Policía Local“. Precisamente o seu último concerto, programado ao igual que este na Sala Molotov, foi suspendido por este corpo durante a súa celebración, alegando un problema de ruidos a pesar de ter lugar nunha sala insonorizada que opera de noite con normalidade. Aquel evento tiña como obxectivo reclamar condicións dignas en Vigosónico, as salas de ensaio municipais. Posteriormente houbo na cidade diversos casos de cancelacións de concertos en circunstancias similares, afectando incluso a recitais acústicos realizados ao mediodía.

Para este concerto, Grupos en Loita contará con catro bandas viguesas, concretamente Lamprea Explosiva, Dientes, Gracias por Nada e os Super Pop-Jazz, que porán música cos seus diferentes estilos ás reivindicacións do colectivo. O concerto será totalmente de balde, e a apertura de portas será ás 20:30 para posteriormente dar comezo á música ás 21:15. Ademais de protestar contra as cancelacións de concertos, o evento servirá para seguir reclamando condicións dignas en Vigosónico, cuxa continuidade é ata o momento incerta, ao rematar proximamente a concesión á empresa actual sen ter comunicado o Concello polo momento nada ao respecto aos grupos.
Grupos de Vigo en Loita naceu en xaneiro de 2022, logo de dous anos de peche indefinido de Vigosónico por parte do goberno local. Agrupando a moitas decenas de bandas viguesas, a plataforma fixo eco do sentir xeralizado de que o peche destas instalacións “non foi pola pandemia como se alegou inicialmente, pois mentres o resto de salas de ensaio reabrían, Vigosónico seguía pechado“. Pola contra, para estas bandas “estaba a suceder o mesmo que con Súbete o Castro ou coas salas de ensaio da Casa da Xuventude, pechadas de xeito similar hai anos polo Concello“. Finalmente, as protestas do colectivo lograron a reapertura de Vigosónico, aínda co que consideran “recortes” nas súas condicións, contra os que continuaron a protestar.
Precisamente o peche das salas de Súbete ao Castro, producido supostamente de xeito temporal para arranxar uns problemas de humidades, fixo 8 anos o pasado 21 de novembro. A plataforma lembrou este feito en redes, chegando nas súas palabras “a decenas de miles de usuarios que manifestaron o seu pesar pola fin inxustificada dun servizo tan necesario“. Esta efeméride será “sen dúbida tamén lembrada no concerto do vindeiro 23 de novembro”, afirman. Tamén apuntan que este servirá para reclamar unha maior presencia das bandas locais emerxentes na programación musical municipal, que ata o momento califican de “practicamente inexistente, a pesar das promesas que nos fixo o Concello nese eido”.
Bandas concerto de Grupos de Vigo en Loita na sala Molotov
QUIZÁS TE INTERESE:
Exeria apuesta por el directo: acústico en Vigo, The Wild Festival y concierto en Santiago
Concierto de Patrick Watson en Santiago, el Underfest Xacobeo sale de Vigo por primera vez
El rugido final de “Vuela”, Sr. Salvaje cierra su gira en la Sala Capitol



