A banda de metal Dioivo colabora con Méndez Ferrín no seu novo tema: "Retorno a Tagen Ata"

A canción está baseada na novela homónima de 1971 do célebre autor, que participa coma narrador da historia, celebrando 50 anos da obra.

Dioivo é un dúo de metal procedente de Vigo, que naceu no 2016 poñendo música ao poema de Rosalía de Castro “Sempre pola morte Esperas”. Agora, os vigueses atrévense cunha nova adaptación ao metal dunha obra clásica da literatura galega, Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín. E esta vez contan coa colaboración do propio autor, que lle puxo voz ás narracións da canción. O pasado xaneiro cumpríronse xusto cinco décadas da publicación desta breve pero influínte obra, e o grupo decidiu editar este tema, apenas tres meses despois do seu último EP Dioivo III, a modo de homenaxe.

A canción, que xa está conseguindo unha boa acollida por parte do público galego, foi gravada por Dany Soengas, membro de coñecidos grupos vigueses de metal coma Atreides ou Skydancer. Xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais de música, así coma en Youtube nun vídeo gravado por Brais Gómez Salvador nos Estudios Metrópolis de Vigo. O tema mestura as recitacións coa guitarra eléctrica e a batería, e as voces melódicas coas voces raspadas propias do metal máis extremo, dando voz aos diferentes personaxes da obra. Trata así a historia de Rotbaf Luden, unha rapaza emigrada na Illa de Anatí que volve á súa terra de orixe Tagen Ata, que está baixo o dominio do imperio de Terra Ancha, para coñecer ao célebre poeta da súa terra Ulm Roan. Unha historia que ten suscitado moito interese e análise durante todos estes anos, sendo o libro traducido a idiomas coma o asturiano ou o euskera e mesmo dando lugar a unha das primeiras curtametraxes de ficción realizadas en galego, do mesmo nome e dirixida por Eloy Lozano en 1974.

Ademais de Retorno a Tagen Ata, Dioivo ten editados tres discos nos seus cinco anos de existencia, titulados respectivamente Dioivo (2016), Dioivo II (2019) e Dioivo III (2021). Neste último contaron coa colaboración dos vocalistas Dana e Marcos, da banda de folk metal Mileth, no tema “Ferro e Xenreira”, e a finais de maio publicaron un videoclip para “Golpe por Golpe”.O videoclip foi dirixido por Brais Gómez Salvador, que tamén dirixiu o de Retorno a Tagen Ata e o da canción de Dioivo II “Lobishomes”.

Videoclip «Retorno a Tagen Ata» (Dioivo)

YouTube player