"Cara os Ceios Incrementes" é o novo disco de Dioivo no que levan ao metal poemas de Darío Xohán Cabana ou Delgado Gurriarán

Cara os Ceios Incrementes é o cuarto traballo e segundo álbum completo do dúo vigués de metal en galego Dioivo.

O dúo vigués de metal en galego Dioivo vén de lanzar o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes, editado polo selo discográfico grego Sleaszy Rider Records. Como é habitual no grupo, o traballo inclúe diversas adaptacións de coñecidas obras da literatura galega, de autores como Darío Xohán Cabana, Florencio Delgado Gurriarán ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Tamén inclúe cancións con letras orixinais, sempre escritas en galego.

DioivoO álbum comeza precisamente coa súa adaptación de “Que importa que nos craven as cadeas”, mítico poema de Darío Xohán Cabana incluído no seu libro de 1970 Verbas a un Irmao. Os vigueses escolleron este reivindicativo poema escrito durante o franquismo para homenaxear ao autor lugués logo do seu falecemento a finais de 2021.

A continuación podemos escoitar “Cabeiros”, do que a banda vén de estrear tamén un videoclip, dirixido polo seu colaborador habitual Brais Gómez Salvador e gravado na finca Villa Solita de Alcabre. Este tema destaca no repertorio do grupo polo seu estilo, lento e melódico para o que é habitual no metal que eles practican. No vídeo, o dúo interpreta a canción entre as ruínas da senlleira casa señorial do século XIX ubicada na parroquia viguesa.

O álbum inclúe tamén “Hai sede na Nova Galicia”, unha musicalización do poema homónimo de Florencio Delgado Gurriarán co que Dioivo quixo sumarse á celebración da obra do poeta valdeorrés homenaxeado no Día das Letras Galegas do pasado ano 2022. O orixinal pertence ao libro de 1963 Galicia Infinda, e del colleu o grupo o verso que serve como título deste novo álbum.

O álbum propiamente dito ten unha duración de 48 minutos en 8 cancións, pero o lanzamento inclúe tamén 3 temas extra adicionais, cos que a duración elévase aos 67 minutos. O primeiro deles é precisamente outra adaptación dunha obra da literatura galega, Retorno a Tagen Ata de Xosé Luís Méndez Ferrín, lanzado previamente polo grupo no 50 aniversario desta célebre e influínte novela de 1971. No tema, Dioivo contan coa colaboración do propio Méndez Ferrín, que narra varios pasaxes da obra sobre a música da banda.

Outro tema extra incluído no lanzamento de Cara os Ceios Incrementes é “Unha de guerra”, no que Dioivo versiona esta canción do lendario grupo punk vigués Desvirgheitors coa colaboración da baixista orixinal do grupo, Pili Dios. Desvirgheitors, pioneiros da escena da cidade en estilos como o hardcore punk ou o crossover thrash metal, facían letras en galego nunha época, a finais dos anos 80 e principios dos 90, na que isto non era habitual nesas escenas. Esta versión foi incluída na recompilación Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores, lanzada polo Día das Letras Galegas 2023 e na que 10 bandas actuais renderon tributo a 10 bandas clásicas xa desaparecidas do rock e o metal de Galicia das últimas catro décadas.

Cuarto traballo da banda

Este novo álbum foi gravado por Dany Soengas, membro de bandas como Atreides ou Lardelúa, no seu estudio DS Audio en Vigo. O deseño do álbum correu a cargo dos arxentinos Core 76 Studio, e foi editado por Sleaszy Rider Records, un selo grego fundado en 1999 e especializado en música metal internacional. Xa está dispoñible en CD e mais en todas as plataformas dixitais.
Cara os Ceios Incrementes é o cuarto disco lanzado polo dúo vigués, que xa lanzou previamente dous EPs e mais outro álbum completo, titulados Dioivo I, Dioivo II e Dioivo III. O grupo naceu en 2016, e a súa primeira canción foi tamén unha adaptación dunha obra literaria galega, neste caso o poema “Sempre pola morte esperas” de Rosalía de Castro. Dende os seus inicios, a formación componse de Daniel Valladares Otero na batería e de Jacobo Mouriño Almeida, exmembro da banda de folk metal Mileth, na guitarra e na voz.
Daniel e Jacobo teñen percorrido toda Galicia presentando a súa proposta en directo, e foron finalistas nas edicións de 2016, 2017 e 2022 do concurso Xuventude Crea da Xunta de Galicia, facéndose co segundo premio do mesmo nas dúas primeiras. O dúo avanzou que anunciará axiña as datas de presentación do álbum en Galicia, e tamén no resto do Estado, onde teñen tocado en localidades como Segovia ou Amurrio.

Escucha a Dioivo en Spotify

Videoclip Dioivo

Portada del disco "Cara os Ceios Incrementes" Dioivo


Dioivo novo videoclip

Biografía Dioivo

Dioivo somos un dúo formado en Vigo no ano 2016. Nacimos poñendo música ao poema de Rosalía de Castro “Sempre pola morte esperas”, mesturando estilos coma o black metal melódico ou o thrash metal. A partir de aí, continuamos coa idea de facer a nosa música en galego e servíndonos unicamente de batería, voz e guitarra. Dende os inicios, o grupo formámolo Daniel Valladares Otero, batería, e Jacobo Mouriño Almeida (tamén membro de Mileth), guitarra e voz, que coincidiramos previamente no proxecto de thrash metal Rust in Peace.

Temos editados tres traballos titulados Dioivo, Dioivo II e Dioivo III, e os temos presentado en directo por toda Galicia. Vigo, Pontevedra, Cangas do Morrazo, Ponteareas, A Guarda, Mos, Santiago de Compostela, Melide, A Coruña, Bergondo, Ortigueira, Lugo, Sarria, Ourense… Son algúns dos concellos onde tocamos, en salas de concertos de todo tipo. Alí compartimos escenario coas bandas máis destacadas da escena metal galega.

Tamén dimos concertos en cidades coma Segovia, Castilla y León, xunto a bandas coma Sovengar, In Vain ou Mortal Maze; ou Amurrio, Euskadi, xunto a Nakkiga e os alemáns Rimruna. Así mesmo, tocamos con outras bandas internacionais, coma os húngaros Gutted ou os noruegueses Somewhere Beyond. A pandemia de covid-19 truncou as nosas datas confirmadas en cidades como Madrid ou Porto, que agardamos poder retomar cando sexa posible.

O noso último sinxelo é “Hai Sede na Nova Galicia”, canción na que poñemos música ao poema homónimo de Florencio Delgado Gurriarán co motivo do Día das Letras Galegas, adicado a este autor. O texto orixinal reflicte á perfección a morriña sentida polo autor mentres estaba exiliado en México, e por iso pareceunos un exemplo inmellorable da calidade e importancia da súa obra. O noso tema foi gravado por Dany Soengas, membro de Atreides e Skydancer, e conta cun lyric video realizado por YOD Multimedia. A canción, lanzada pouco antes do propio Día das Letras, tivo unha gran acollida entre os medios de comunicación galegos e da zona, saíndo no Zig Zag Diario da Televisión de Galicia e no Telexornal de Televisión Española e soando en programas de radio como o SOS Radio Show da portuguesa Antena Minho ou os galegos Galiza Metálica ou Lobos de Metal. Multitude de xornais, zines e webs recolleron tamén a nova, como El Correo Gallego, La Opinión, Adiante Galicia, Cultura Galega, Praza ou a web da Real Academia Galega.