Falamos cos impulsores do festival solidario Vacaloura, que terá lugar o próximo 18 de maio na viguesa Fábrica de Chocolate, e que ten como obxectivo dar visibilidade e recadar fondos para a asociación e santuario animal Vacaloura, situado en Santiago de Compostela. Inés Trillo, unha das súas creadoras, e Andrea e Iñaki, voluntarios do santuario e promotores desta noite solidaria; cóntannos cómo se atoparon os seus camiños e cómo xurdiu a idea do festival. A cita, que comezará ás 20:30 coa actuación de DJ Pol, contará coas bandas You Dog!!, Native e Atlantic Valley. A organización porá tamén pinchos veganos a 1€ para disfrute dos asistentes.

¿Cando e cómo xurdiu a asociación?

Inés: A Asociación Vacaloura Santuario Animal, de Santiago de Compostela, xurdiu no 2013, cando Mario e máis eu nos fixemos veganos.

Vivíamos nun pequeno baixo con horta onde xa dende facía tempo rescatabamos cans, gatos, e faciamos de casa de acollida. Cando nos fixemos veganos, comezaron a chegarnos casos de outro tipo, de animais que normalmente a xente non se preocupaba por eles, que non tiñan cabida noutro tipo de refuxios e que nós si podíamos aceptar pola situación na que estabamos.

O crecente número de veganos e vexetarianos en España, en Galiza en concreto, provocou que houbese una maior preocupación, que se desen máis avisos destes casos e que foran máis visibles estes animais con necesidades cando eran abandonados, maltratados, etc.

A raíz diso comezamos a rescatar animais de distintas especies, a primeira foi unha porca vietnamita, que chegou á canceira, onde non coñecían ben os seus coidados, alí non se atopaba ben, tiña unha alimentación pouco axeitada, etc.

Logo rescatamos algúns galos e galiñas que foron abandonados en Vigo, Mario e máis eu desprazámonos cos nosos recursos dende Compostela en varias ocasións para axudalos, rescatalos, reubicalos, e fomos así pouco a pouco rescatando todo tipo de animais que ata ese momento non tiñan outras alternativas.

Co tempo fomos dándonos de conta de que cada vez nos chegaban máis casos, o espazo se nos quedaba pequeno e que si queríamos axudar dunha forma realmente eficiente á maioria dos casos que nos chegaban, tamén nós necesitabamos máis axuda. Foi entón cando pensamos en montar o Santuario, trasladámonos a un terreo maior e comezamos a pedir colaboración tanto económica como de voluntariado físico. Así xurdiu o Santuario Vacaloura.

¿Cantos animais tedes acollidos agora mesmo?

Inés: Agora mesmo temos acollidos uns 200 animais de moitas especies diferentes: cabalos, eguas, ponis, burros, galiñas, patos, pombas, gaivotas, coellos, ovellas, etc.

¿E cómo nace a idea de organizar un festival para impulsar o traballo da asociación?

Andrea e Iñaki: O ano pasado descubrimos que en Santiago había un Santuario de animais, sabíamos que existían, pero nunca estiveramos nun e decidimos visitalo nunha xornada de portas abertas.

Nós fai tempo que estamos concienciados co tema do maltrato animal, somos vexetarianos e contribuímos, dentro do que podemos, a que este maltrato se minimice nas nosas accións diarias.

Alí, no Santuario, descubrimos en primeira persoa o traballo que fan, axudando e dando unha vida digna fóra do maltrato e a explotación a animais abandonados ou que ían ser levados o matadoiro.

Vendo as dificultades, sobre todo de financiación, decidimos axudar organizando pequenos actos como talleres de comida vegana, pan, etc.

A idea de organizar un festival benéfico xurdiu de forma natural, xa que eu (Iñaki) levo tempo tocando en varias bandas da cidade e tamén organizara algún festival fai tempo. Pensamos que desta maneira poderíase recadar nun só acto máis fondos, moi necesarios para para o Santuario, ademais de visibilizar nas redes a súa actividade.

Ademáis de, imaxino que financiación, ¿cales son as necesidades do Santuario Vacaloura?

Inés: A difusión, que haxa moito movemento nas redes sociais, o boca a boca que iso sempre axuda moito, que se dea a coñecer a asociación e o que facemos, para así poder chegar a máis xente e que se conciencien sobre os dereitos dos animais e sobre a labor que realizamos.

Tamén precisamos de axuda de voluntariado, xente que nos veña a axudar a limpar as instalacións, construír, montar eventos, difundir, facer proxeccións, charlas, todo iso que leve ao resto da sociedade a situación dos animais non humanos.

¿Qué podemos facer, ademáis de asistir ao festival, para apoiar o Santuario?

Inés: para apoiar o Santuario pódese amadriñar, facerse teamer, unirse ao voluntariado, axudarnos a difundir en redes sociais ou por calquera outra vía, organizar eventos, dar charlas, organizar proxeccións, mercadillos, calquera cousa que nos axude tanto coa financiación como coa labor de difusión ou coas tarefas que se desenvolven directamente no refuxio.

¿Qué nos podes contar das bandas que actúan no festival?

Iñaki: Antes de nada darlles grazas infinitas por acudir ao festival desinteresadamente! Ademais de ser boísimos no que fan, teñen un corazón enorme!! Un privilexio telos con nós!!

Temos a You Dog!!, de sobra coñecidos na escea viguesa!!! Stoner, Grunge….Fannos retroceder no tempo á mellor época dos 90 máis tendo un toque moi actual! Riffs poderosos, enerxía desbordante e unha voz impresionante… Un valor seguro para pasalo ben, botar e dalo todo coreando os seus himnos.

Temos a Atlantic Valley, banda que leva xa dende o 2011, teñen dous discos ás costas e unha visión moi persoal de iso que se fai chamar Stoner Rock. Para min foi un descubrimento, vinnos por primeira vez no Distrito9 en Coia e a todo concerto que podo, vou. Do mellor da cidade no que fan!! En directo son como unha apisoadora, súper potentes e contundentes!!

E por último Native, banda na que eu participo e que imos facer o noso debut neste festival. Somos xente que vimos de bandas como El Grito Chino, Chaos Is Comming, Potaje Vudú, ¿Sunset? ou Zonazero. Con esta mesturanza solo Dios sabe o que pode saír (risas). De seguro que vos sorprenderá!

Só engadir que o festival abrirá ás 20:30 con Dj Pol, que fará que todos vaiamos quecendo motores e haberá cea vegana riquísima.





Entrevistas Noticias