Ferro e Pedra Tributo ao rock galego
Portada Ferro e Pedra Tributo ao rock galego

Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores é o título dunha recompilación tributo ao rock e o metal galegos das últimas décadas, creada por 10 bandas de todas as partes de Galicia. Lanzada neste Día das Letras Galegas 2023, nela aparecen versións de bandas moi diversas.

Dende as máis coñecidas, como Los Suaves ou Los Piratas, ata bandas subterráneas como Detestor ou Consumatum Est, e dende o folk rock de Nordés ata o heavy metal de Épsilon ou o metal extremo de Nowhere. Todos os grupos versionados teñen en común o xa non estar activos a día de hoxe e o ter sido no seu momento pezas clave da escena rockeira e metaleira das súas respectivas cidades e vilas.

Bandas que gravaron Ferro e Pedra

Entre as bandas que gravaron as versións atopamos a Aquelarre, Amenaza de Muerte, Barbarian Prophecies, Dioivo, Mileth, Pneura, Schwarzenegger, Somos Nos, Xerión e Xhamain. Cada unha destas agrupacións galegas seleccionou un tema dunha banda histórica da súa zona, dando lugar así a un traballo conxunto que abrangue catro décadas de rock e metal de toda Galicia.

Polo momento, as cancións están dispoñibles para a súa escoita en Youtube, pero axiña estarán tamén nas demais plataformas dixitais de música. Co tempo, as formacións impulsoras planean extender o proxecto a máis agrupacións, para realizar unha edición física en CD do traballo. A portada do mesmo foi realizada por Trönner Graphics.

Aquelarre – Años 80 (Los Piratas)

Aquelarre, grupo de power metal vigués, versionou a que seguramente sexa a canción máis coñecida contida na recompilación, “Años 80” de Los Piratas. O tema de 2001 lanzado pola banda de Iván Ferreiro pertence ao seu álbum Ultrasónica, o penúltimo da formación de pop rock e indie antes da súa disolución en 2004.

Amenaza de Muerte – Overdose (Mutant Squad)

A banda de deathcore Amenaza de Muerte, radicada a medio camiño entre Malpica e Compostela, foi a encargada de versionar o tema máis recente do traballo, “Overdose”, composto orixinalmente polos composteláns Mutant Squad e lanzada en 2013. Esta coñecida banda de thrash metal foi fundada no ano 2007, e en 2015 cambiou o seu nome a Mutant.

Barbarian Prophecies – Déixao (Épsilon)

Os lucenses Barbarian Prophecies, por outra banda, son unha agrupación de death metal xa de por si con moita historia, pois levan en activo dende o ano 2000. Pero a banda que versionan, Épsilon, foi nada menos que a primeira banda de heavy metal de Lugo, e unha das primeiras de Galicia. O tema que gravaron foi “Déixao”, versión en galego dunha canción incluída nunha maqueta homónima de Épsilon gravada en 1986. No tema contan coa colaboración nada menos que de Aki Jacob, guitarrista solista e fundador da mítica formación lucense.

Dioivo – Unha de Guerra (Desvirgheitors)

O dúo vigués Dioivo escolleu pola súa banda “Unha de guerra”, canción do grupo vigués de hardcore punk e thrash metal Desvirgheitors. Este tema foi inicialmente incluído na recompilación contra o servizo militar Deserción, de 1992, e, ao ano seguinte, no LP Desvirgheitors, o único lanzado pola histórica banda da cidade olívica. Eles tamén contaron con colaboración, esta vez, da baixista e fundadora Pili Dios, muller pioneira na escena viguesa e galega.

Mileth – O Palismocas (Nordés)

Mileth é unha agrupación de folk metal radicada tamén en Vigo, pero fundada na Mariña lucense, bisbarra da que tamén procedía Nordés. Esta formación de folk dos 90, con decidida influencia rock, lanzou no seu momento dous álbumes, un dos cales incluía a canción “O palismocas”, versionada agora por Mileth na recompilación. A súa versión vén tamén acompañada dun videoclip, gravado por Diego Bea Besada en Marín.

Pneura – Esta vida me va a matar (Los Suaves)

Pneura, dúo de Verín que define o seu estilo como death crust experimental, elixiu para versionar a canción máis antiga e clásica: “Esta vida me va a matar”, do primeiro álbum de Los Suaves. Pouco se pode dicir a estas alturas da lendaria e pioneira banda de rock ourensá, que naceu no ano 1979 e cesou a súa actividade no ano 2016. O tema é un verdadeiro himno do rock galego e da vida do músico.

Schwarzenegger – Josemari (Consumatum Est)

Pola súa banda, os ferroláns Schwarzenegger elixiron “Josemari”, de Consumatum Est. O trío de death metal contou na gravación coa axuda de Suso, vocalista do mítico grupo Wisdom, tamén de Ferrol e fundado a principios dos anos 90, década á que tamén pertence a canción versionada.

Somos Nos – Mal can che fodera (Mol)

A banda de heavy metal coruñesa Somos Nos encargouse de versionar “Mal can che fodera”, lanzada en 1992 polos tamén coruñeses Mol. Este trío de harcore punk e thrash metal ten un status mítico na cidade Herculina, lanzando ao longo da súa traxectoria, particularmente nos anos 90, varias cassettes hoxe de culto para os afeccionados ao estilo.

Xerión – Necrofobia (Detestor)

Xerión é outra banda histórica do metal extremo galego, sendo fundada no 2001 en Ourense. Nesta recompilación versionaron “Necrofobia”, lanzada polo grupo ourensán Detestor na súa maqueta homónima de 1992. Esta banda foi precursora doutra lendaria formación galega, neste caso para os amantes do death metal: Unnatural.

Xhamain – Endexamais (Nowhere)

Finalmente, os vigueses Xhamain interpretaron “Endexamais” para Ferro e Pedra, versión en galego do tema “Never in Time” dos pontevedreses Nowhere. Este tema foi incluído nunha mítica e pioneira recompilación de bandas de metal galegas de 1997, Millenium Compilation. A banda cambiaría posteriormente o seu nome a To Nowhere.

Súmanse así, en total, 10 cancións de diferentes estilos e épocas do rock e o metal de Galicia. Toda unha proba da calidade e diversidade das que sempre gozou a música do país. A maioría das mesmas, cantadas en galego, como non podía ser doutro xeito, para celebrar o Día das Letras Galegas. De feito, moitas das bandas homenaxeadas, como Épsilon, Desvirgheitors ou Mol, foron pioneiras en levar a lingua galega ao metal, un estilo no que, naqueles anos, non era frecuente atopar gravacións nesta lingua.





Discos Noticias