Millarock 2018: The Teta´s Van + Supernatural + Astarot + Ruxe Ruxe

Cargando mapa....

Fecha/Hora
Date(s) - 03/08/2018
21:30

Ubicación
Travesía do Porto

Categorías


O próximo venres, 3 de agosto, realizarase a VIII edición do Millarock no aparcadoiro da Travesía do Porto, onde se darán cita grupos revelación da escena musical galega como son The Teta´s Van e Supernatural con outros cunha extensa traxectoria como Astarot e Ruxe Ruxe. Os concertos comezarán ás 21.00 horas, co obxectivo de que as familias con nenas e nenos pequenos tamén teñan a posibilidade de achegarse ao concerto. Despois do éxito de público acadado o ano pasado, dende o Concello de Ames convídase a veciñanza a acudir a esta nova edición na que se mestura rock galego, eminentemente feminino e local.

O Millarock, que naceu co obxectivo de promocionar e dar cabida a grupos emerxentes locais e da contorna de Ames, conta este ano cun cartel no que se pretendeu reforzar a presenza de grupos galegos. Deste xeito, ás 21.00 horas comezarán os concertos na Travesía do Porto coa actuación do grupo ourensán The Teta´s Van, que se proclaman como a “revolución en feminino”.

Este grupo, que está formado na súa maioría por mulleres (Irene, Lucía, Lorena, Paula e María), aínda que tamén conta con dous músicos homes (Omar e Pablo), caracterízase por tocar unha música marcado pola reivindicación en prol da loita contra as inxustizas que as mulleres viven en primeira persoa, polo que a pesar de estar especializadas en versións, tamén colaboran con numerosas poetisas ás que dan voz mediante a súa música.

En segundo lugar actuará o grupo da amesá Thais Rudiño, finalista do programa ‘La Voz’, e os vigueses Suso Valcárcel na batería, Daniel Lemos co baixo e Fran Almodóvar na guitarra; que neste 2018 están inmersos na promoción do disco, titulado Nada que finxir en castelán, e Nothing to pretend na versión inglesa. Nel mostran gran variedade de ritmos e fusión de estilos.

Durante a presentación do festival, Thais Rudiño dixo sentirse “moi ilusionada con poder estar no Millarock deste ano e poder presentar o noso último traballo en Ames”. Ademais, o seu compañeiro de grupo, Fran Almodóvar, indicou “para nós e un auténtico pracer compartir cartel con grupos de rock tan diversos e tan consolidados. Animamos a xente a que veña a este festival porque faremos que pasen unha boa tarde-noite de rock”.

Mestura de novos grupos con bandas consolidadas
De seguido, será a quenda do grupo Astarot, fundado en 1983 en Cangas do Morrazo, e composto por Juan A. Antepazo (voz), Carlos Gandón (guitarras), Carlos Rodal (baixo), Loren Tevra (guitarra) e José M. Pedra (batería). Este ano cumprirán 35 anos de traxectoria inmersos nunha xira de concertos de presentación do seu último traballo, Una vida en un segundo, do que se poderá gozar nesta edición do Millarock.

Os últimos en subir ao escenario serán o grupo Ruxe Ruxe, constituído por Carlos Freire (baixo), Vituco Neira (guitarra e voz), Miguel Duarte (guitarra eléctrica, acústica e coros), Iago Jorge (batería), Xaco Barona (gaita) e Juan Ramón Rico (saxo). O grupo, que está a celebrar o seu 20 aniversario co lanzamento do seu novo traballo 20 Segundos, ten 11 LP´s no mercado, tres deles editados nos últimos tres anos e un feixe de cancións en recompilatorios e bandas sonoras o que os converte en todo un referente da creación musical galega e en galego.

Durante a presentación do cartel do Millarock, Juan Ramón Rico (Xan), saxo do grupo, destacou que para a súa banda é un pracer tocar en Ames. “Hai que poñer en valor a valentía dos Concellos e asociacións que apostan pola organización deste tipo de festivais e polo rock galego. Esta edición do Millarock ten un cartel moi completo e aberto a todos os públicos. Haberá un rock fresco da man de novos grupos como The Teta´s Van e Supernatural, pero tamén o público poderá gozar de grupos máis consolidados como son somos nós e Astarot. Tratase dun festival que mestura perfectamente diferentes estilos e con moita diversidade”.

HORARIOS MILLAROCK 2018

The Teta’s Van: 21:00h.
Supernatural: 22:15h.
Astarot: 23:30h.
Ruxe Ruxe: 00:45h.
Fin dos concertos ás 2:00h.

©2019 Guitar Calavera Magazine / Diseño e implementación Pablo Villaverde | Estudio de Diseño

Inicia Sesión con tu Usuario y Contraseña

o    

¿Olvidó sus datos?

Create Account